Flor

O liño é unha planta herbácea pertencente á familia das linaceae. Está formado por un talo, do que se extrae fío para confeccionar tecidos, e na parte superior bota unha flor violeta que posteriormente desaparecerá dando paso a bagaña.

Bagaña

A bagaña é unha parte do liño en forma de cápsula que garda a semente deste, coñecida como liñaza.

Liñaza

A liñaza é moi empregada para facer fariña, aceite e incluso para consumir enteira, xa que é beneficiosa para a saúde. Axuda a reducir o colesterol, é rica en omega 3 e favorece o tránsito intestinal, entre outras cousas.


Un dos proxectos mais especiais que levamos a cabo

Un dos proxectos mais especiais que levamos a cabo dende a asociación é a recuperación do proceso tradicional de elaboración do liño. Esta planta foi de gran importancia para Galicia xa que a maioría de prendas de roupa que se usaban antigamente eran feitas deste material. O proceso do liño é moi longo, consta de mais de 10 pasos que se estenden ao longo de todo o ano. As principais etapas son: sementeira, arrincado, ripado, empozado, secado, mazado, deluvado, tascado, asedado, fiado, ensarillado, branquexado, debanado e tecido.

Mazas e espadelas para trabllar o liño.

Recuperación do proceso tradicional do liño

Dende a Arracada, traballamos para recuperar o proceso tradicional de elaboración do liño como forma de conservar e transmitir ás novas xeracións o patrimonio cultural tan valioso que posuímos. Anteriormente, xa houbo en Parada de Outeiro (Vilar de Santos), unha asociación de mulleres que fixo unha gran labor de recuperación deste proceso, A Eirada, a cal realizou demostracións durante varios anos en diferentes lugares de Galicia, hasta que finalmente, cesou a súa actividade. Dende a nosa asociación, pretendemos continuar con este proxecto que as nosas veciñas nos deixaron en herdanza e dalgún xeito, seguir os seus pasos.

Raquel e Marosi pondo o liño a secar

As nosas demostracións

A actividade que nós realizamos consiste en facer pequenas demostracións dalgúns dos pasos da elaboración do fio do liño, case sempre no Museo Etnográfico da Limia (Vilar de Santos) nas que a xente pode ver como as fibras van mudando con cada proceso, ademais de experimentar dun xeito interactivo e vivo este traballo que foi especialmente común na Comarca da Limia.

Demonstración no Museo Etnográfico da Limia

Ven a formar parte deste mundo!