A Pandeireta

Xunto coa gaita, a pandeireta é un dos instrumentos mais representativos da música tradicional galega que case sempre era tocado por mulleres.

O Bombo

O bombo é un instrumento imprescindible na nosa música tradicional xa que é o que marca o ritmo e guia a todos os demais instrumentos.

O Tamboril

O tamboril é un instrumento de percusión que complementa ao bombo, proporcionando unha maior variedade de sons nas melodías.


A importancia das pandeireteiras

A pandeireta é un instrumento imprescindible na nosa tradición musical xunto coas pandeireteiras, mulleres que se xuntaban para animar con música, os duros traballos que os galegos e galegas levaban a cabo no século XIX. A pesar de ser o gaiteiro a figura mais chamativa e relevante dos grupos musicais e das distintas festas, deixando as pandeireteiras nun segundo plano, estas mulleres, foron moi importantes para a conservación do noso patrimonio cultural. As pandeireteiras contribuíron enormemente á divulgación deste grazas a transmisión oral das distintas coplas e cancións que hoxe en día aínda cantamos.

Raquel e Ramón ensaiando

O noso grupo de pandeireteiras

Na Arracada somos amantes da música de raíz polo que decidimos formar un grupo de pandeireteiras no que participan algunhas das nosas socias. Acudimos a clases de música tradicional galega, centrándonos na percusión (pandeireta, bombo e tamboril) e na recuperación e posterior canto de cancións populares. Con este grupo de pandeireteiras pretendemos continuar aprendendo, conservando e transmitindo a nosa cultura musical as novas xeracións, coa esperanza de que estas sigan os nosos pasos e poidamos continuar honrando a memoria de todas esas cantareiras e pandeireteiras que xa non están e que conservaron tan ben a nosa música.

Ensaio das Pandereteiras en Parada

Actuacións das nosas mulleres

Para as nosas pandeireteiras, unha das cousas mais importante é pasalo ben, por iso nos encantan as foliadas, e por suposto, as actuacións. Normalmente, tocamos en eventos e lugares próximos como a celebración do Nadal en Vilar de Santos ou as festas da parroquia.

Nesta fotografía podemos ver a varias das nosas socias preparadas para actuar na Primeira Edición do Festival Lumeada, levada a cabo no concello de Trasmiras, ao que fomos convidadas para tocar en conxunto con mulleres dos concellos de Os Blancos e de Xinzo de Limia. Foi unha experiencia moi boa xa que puidemos coñecer a moitos outros grupos da contorna e pasar unha tarde enteira rodeados de música tradicional, intercambiando coñecementos e compartindo intereses. Ao rematar as actuacións desfrutamos dunha marabillosa comida e por suposto dunha gran foliada.

Actuación das pandereteira en Trasmiras

Ven a formar parte deste mundo!