15 de Outubro
O día Internacional da Muller Rural celébrase para dar visibilidade ás aportacións socias, económicas e culturais das mulleres de zonas rurais de todo o mundo.
25 de Novembro
Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, no que se pretende impulsar accións que contribúan a protección da muller e a prevención de situacións de violencia contra ela.
8 de Marzo
Día Internacional da Muller, que ten como obxectivo reivindicar os dereitos destas, así como, potenciar a igualdade real de xénero.
Empoderamento da Muller e Igualdade de xénero
A maiores das actividades que realizamos de forma continua durante o ano, tamén contamos con
actividades puntuais de diferentes temáticas. No referente ao empoderamento da muller e a igualdade de
xénero, sempre intentamos realizar actividades especiais polo día Internacional da Muller Rural, o
8M (día da muller) e o 25N (día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller).
Ademais, tamén levamos a cabo diversos obradoiros centrados en mellorar o benestar das mulleres como por
exemplo, talleres de autocoidado, mellora da autoestima e do autoconcepto, recoñecemento de situacións de
violencia, empoderamento feminino, talleres de promoción da actividade física así como de relaxación
mediante o ioga, obradoiros de hábitos saudables, talleres sobre os mitos da alimentación... entre outros.
Unha das actividades a destacar neste ámbito foi a dunha actividade teatral impartida pola Federación FEMURO
(Federación provincial de Mulleres Rurais de Ourense) da que formamos parte e na que participaron parte das
nosas socias. A obra consistía en representar situacións reais de violencia de xénero sufridas por mulleres,
coa intención de sensibilizar e concienciar sobre a importancia de loitar conxuntamente contra isto. A obra
foi representada para toda a veciñanza en dúas ocasións, ambas no Salón Multiusos do concello de Vilar de
Santo
Andainas
Vilar de Santos conta con lugares incribles para pasear e desconectar, sendeiros rodeados de natureza con grandes carballeiras, fontes, muíños e varios fornos veciñais. Por iso, dende a asociación, cando chega o bo tempo, sempre intentamos realizar algunha andaina para poder desfrutar da natureza e promover a actividade física, así como, concienciar sobre o coidado do medio ambiente. Até agora, a maior andaina que realizamos foi no ano 2022 (en colaboración con Xeitura) a cal tivo unha gran participación, mais de 100 persoas. A maioría eran do propio concello pero tamén contamos con xente de outros lugares como Xinzo, Allariz, Rairiz ou Sandiás o que foi moi positivo xa que puideron coñecer mellor a nosa riqueza natural. Ademais, realizamos varios sorteos de produtos locais, doados por algúns dos negocios do concello, e unha vez finalizada a camiñada, desfrutamos todos xuntos/as dunha comida no noso local.
O Entroido
Pertencendo á comarca da Limia é de obriga falar do entroido. Como en moitas aldeas de Galicia, antigamente o entroido que se celebraba nos pobos consistía en disfrazarse con roupa vella, tapar a cara para que ninguén fora quen de te recoñecer e ir de casa en casa, ou de aldea en aldea, facendo algunha broma e pedindo algo de comer como uns chourizos. Dende a Arracada, levamos varios anos tentando recuperar a tradición de ir correr o entroido polas aldeas, polo que nos meses previos deseñamos e elaboramos os nosos propios disfraces para posteriormente, recorrer os pobos do concello. Esta actividade é algo que gusta moito, sobre todo às persoas maiores que viven soas nas aldeas, xa que é unha xornada de convivencia, de música e de risas que lles trae lembranzas dos anos nos que todo o mundo participaba nesta festividade. Ademais, sempre que podemos, intentamos participar no desfile que se realiza o martes de entroido en Xinzo de Limia, para dar un maior uso ao noso disfraz e darlle visibilidade a asociación.